Levaba anos en busca de ese sentimento tan estraño, ese que a xente prefire afastar o máis lonxe posible. Nun tempo, fora ela mesma a que o botara da súa cabeza (ou do seu corazón, nunca saberei con exactitude en que parte de nós nacen os sentimentos). 
Bérraralle ben alto que se fora, que marchase, que nunca volvese por alí e con mágoa, pero sen bágoas, despedírase del cun falso sorriso.

Despois de certo tempo de felicidade e ledicia, despois da ausencia de días grises, despois da ausencia de mágoas e bágoas tristes, a rapaza comezou a sentir unha nova sensación, un baleiro inexplicable, unha especie de morriña de algo que non alcanzaba lembrar. 
Percorreu vales e montañas, cruzou ríos e mares, subiu ata as nubes e baixou ata o inferno; afastouse de todos os que coñecía e á súa vez coñeceu xente nova. Cando xa pensaba que buscara en todos os lugares do universo, sentou nunha rocha e comezou a reflexionar, a reflexionar sobre ela mesma. Quen era? Que facía? Por que estaba alí?  Fora culpa do destino?  Exitía en verdade un destino ou a vida era cuestión de azar? E que era a vida? 
Despois de mil preguntas sen resposta, despois de sentirse confusa e conmocionada, atopou nela mesma o que estaba buscando: a soidade.
Esa soidade que tanto botaba en falta. Por primeira vez en moito tempo soubo o que era o baleiro realmente, a ausencia de todo o demais. Non entendía como a xente podía facer as súas vidas como se nada pasase, como se esas preguntas non existisen. O sorriso desapareceu da súa cara e, de súpeto, inundouna a melancolía.

Unha vez descuberta a verdade, a preocupación polo que facer semellóuselle máis grande que o propio infinito. Que sería mellor, deixar de ser ela mesma calando ás preguntas que nunca terían respota ou abandonar practicamente a posibilidade da felicidade e despreocupación...?

OUTRA PREGUNTA SEN RESPOSTA.



Son as sete da tarde, pero cando saes á rúa decátaste de que semella noite. O vento peta forte na túa cara, desordenando tamén os teus cabelos. Camiñas polo parque e observas detidamente as follas laranxas que descansan no chan. É a túa cousa preferida do outono, ver as árbores núas e espidas, rodeadas de follas de mil colores. Esqueces por que saíras da casa e sentas no banco máis próximo para contemplar a fermosa paisaxe. Sénteste ben, contenta, despreocupada, pechas os ollos e escoitas o zoar do vento. Sorrís timidamente e érgueste para camiñar sobre aquel manto amarelo que tanto che gusta. Teñen cores diferentes e ademais tamén soan de distinta maneira. Aquelas follas naceran xuntas, e nalgún momento puideron parecer a mesma, pero a medida que pasara o tempo cada unha tomara un camiño distinto, unha forma distinta...



...cada folla, como cada persoa, era única e precisamente iso era o que che gustaba do outono.





Exame de matemáticas.





Sinto os meus senos tanxentes á perspectiva do teu corpo espido, real e perfecto, mentres escoito os latidos do teu corazón indivisible, que se multiplican indefinidamente por cada segundo que pasa. 
Pérdome nun sentimento tan irracional como a raíz de π,collendo tan só o resultado positivo.











Recordo o primeiro momento do que derivou a nosa histora indeterminada cando me decato de que o límite do noso amor non existe, presenta unha discontinuidade de salto infinito.

.

Era unha noite fría, unha noite de inverno. Parara de chover xa facía tempo, pero eles seguían quedos ao abrigo dun portal. Ao fondo escoitábase o ruído de coches e de xente que continuaba de festa, pero a única banda sonora que existía para eles era o silencio, o silencio que os rodeara dende que quedaran sós, o mesmo silencio que os ía asfixiando pouco a pouco... Os dous querían falar, pero non sabían como. Era como se, de súpeto, esqueceran todas as palabras que coñecían, deixando como única forma de comunicación posible as miradas vergoñosas que se lanzaban cada poucos segundos. O frío provocou que, de vagariño, case sen notalo, fosen xuntando os seus corpos, el rodeándoa co seu brazo e ela apoiando a cabeza no seu peito, acabando así coa incómoda distancia.
-Estás cómoda?
-Si, grazas.- Contestou nerviosa, insegura. Que lle pasaba? Ensaiárao máis de un millón de veces, sabía ata onde colocar as comas de todo o que lle tiña que dicir.- Temos que falar.
Parecéralle a única forma de comezar aquela imposible conversa, esa que aínda existía unicamente na súa cabeza, esa cabeza que aínda descansaba no seu peito, esa que escoitaba cada un dos seus latidos incluso máis fortes que os seus. Gústaballe estar así, non quería separarse nunca, pero tiña que negar o evidente, era  único xeito de sobrevivir.
- De que?- Contestou tranquilo, como se esperase a pregunta da que tamén sabía a resposta.
- Dos nosos sentimentos. Ti que sintes por min?- Mirouna de cheo aos ollos, como se soubese con certeza que a resposta estaba agochada alí. Debatíase entre mentir ou dicir a verdade, unha verdade que podía cambiar demasiado as cousas. Unha verdade que odiaba ás veces e amaba en segredo todos os días. Foi achegando cada vez máis a súa cabeza á de ela, buscando non seu ollos con máis intensidade. Colleu confianza e soltouno, nun suave susurro casi inaudible, pero soltouno e ela o escoitou.
-Eu..., eu quérote.- Con medo ás consecuencias que podería traer aquela curta frase que acababa de susurrar, escondeu a mirada no chan, ao mesmo tempo que o volume da súa voz ascendía.- Quérote dende  o primeiro día que te coñecín. Quérote sen poder explicar como aconteceu. Quérote  como nunca quixen a ninguén. Quérote, agora mesmo estoute a querer e sei que mañá, ou pasado, ou o ano que ven seguirei queréndote a pesar de que intente deixar de facelo con todas as miñas forzas.
Os seus grandes e brillantes ollos estaban de volta onde deberían estar, nos dela.
-Eu tamén te quero. Non sei se do mesmo xeito, pero si coa mesma intensidade. Sen explicacións, sen comparacións, sen poder controlalo... aínda que o intente controlar. Por iso estou aquí, recordándolle aos meus pulmóns como respirar porque todo se me esquece cando estou contigo. Aquí, intentando falar de algo do que non quero falar. - O silencio volveu a acompañalos xunto co suave zoar do vento.- Teño medo.
-Tes medo. De que?
- De ti, de que me fagas dano, de que eu me faga dano a min mesma... Non tiven nada que perder durante moito tempo, pero agora, agora teñoo todo. Tropezo co significado de felicidade todos os días, é como se todas as feridas que levara incrustadas no meu corpo dende sempre se puxeran de acordo para curar simultáneamente. Non podo arriscarme a perder iso, non despois de todo o que me custou conseguilo. O noso é un amor platónico, un amor de película, un amor como o de Romeo e Xulieta, un amor que, no mundo real non ten por que acabar ben. Sintoo, pero a partir de agora intentarei afastarme o máis que poida de ti.  Non teño pegamento para outro corazón roto.
Quedouse estrañado, non era o final que esperaba, pero en certo modo comprendíaa. A ídea de estar xuntos, de que todo fora perfecto era, como dicía, irreal. Un produto de dúas imaxinacións que se puxeran de acordo para facerlles pasar unha mala pasada. Tan só unha pequena parte do seu corpo gardaba a esperanza, unha parte que crecía á velocidade da luz cando ela estaba preto. Unha parte que sabía que nunca desaparecería de todo, aínda que intentara asumir a verdade.
Abrazáronse unha última vez, achegáronse o un ao outro ata o punto de respirar os dous o mesmo aire. Decidida,  deixou con delicadeza un último recordo daquela noite na súa meixela. Un bico suave e tenue, un bico no que se atopaban todos os sentimentos desperdigados nos últimos minutos. Un bico infinito e eterno que perduraría nos seus beizos o resto das súas vidas.






 Fai frío e non para de chover. É un deses días grises que tanto che gustan, só que hoxe non che gusta tanto. Hoxe non queres bailar baixo a chuvia, non gozas xogando nas pozas e consideras que a sensación do vento movendo os teus cabelos é máis ben desagradable. 
Chegas cansa a casa, cansa de esa estraña sensación de melancolía, esa que facía tanto que non che visitaba. Deixas a mochila ao pé da cama cun golpe brusco e tíraste na cama dun chimpo. Das dúas ou tres voltas porque non sabes ben o que facer. Non estás de humor para facer nada, a túa cabeza non é quen de pensar con claridade nese momento. 
Imaxes soltas, palabras vagas, ideas que o único que fan é axudar a medrar esa sensación de baleiro que o único que quere é apoderarse de ti. 

Sabes o que tes que facer, é un deses días no que só se pode facer unha cousa. Érgueste de vagar e colles o teu CD preferido, ese que pode calmar ata a peor de todas as tormentas. Conectas os altavoces e desconectaste a ti. Desistes, pechas os ollos e pérdeste nesa preciosa melodía, nesas letras valedoras dos teus recordos máis preciados. Pechas os ollos coa seguridade de que cando os abras, todos os teus monstros estarán desparecidos.
    
















Levo inmersa en irrealidades infinitas 
dende a eternidade dos teus ollos verdes.





Confusa entre espellos e espellismos,
entre quimeras e mentiras que parecen ser verdade.



Ando buscando a saída do labirinto,
a resposta das miñas preguntas.

Agardo no refuxio dos teus brazos,
das túas cálidas palabras,
ata que chegue o día
no que consiga contar as estrelas.

.


Todo era máis fácil antes. 



Cando os amigos só desaparecian xogando ás agachadas.
Cando podías berrar " tempo morto!" cando o xogo xa aburría.
Cando os elefantes podían ser rosas e as rosas non tiñan espiñas.
                     Cando soñabamos sen preocuparnos de se os nosos soños eran posibles.
                                                     
                                                                   ...sempre o eran.





Escoito a triste melodía do silencio na que, agochada, atopo a túa voz perdida, os teus berros de esperanza cando esta está máis que perdida. Cústame crer que aínda segues aí, a pesar do tempo transcorrido, dos feitos e do destino que nos separa e, que á vez, consegue unirnos. A distancia non importa, é un concepto demasiado abstracto. Coma ti, coma min...
Todos somos abstraccións incomprensibles que se xuntan tratando de formar un único ser. Abstraccións infinitas e omnipresentes que nunca poderán desaparecer.



Era de noite e non podía durmir. Na súa cabeza resoaba a última canción que escoitara, como un eco infinito resignado a apagarse. Un tenue raio de luz conseguira burlar a protección das cortinas que cubrían a xanela, favorecendo así as condicións daquel inesperado insomnio. Ergueuse de vagar, decidida a restaurar a escuridade, cando mirou ao ceo estrelado. Na meniña dos seus ollos tan só se avistaba a lúa, a inmensa e redonda lúa que conseguiu calar a todos e cada un dos seus pensamentos. Era fermosa, elegante e, aquela noite, presentaba un brillo especial. Non era a primeira vez que a vía, pero nunca se detera con aquela precisión.

Despois duns minutos voltou para a cama preguntándose porque a xente non dorme de día e vive de noite se o Sol, prepotente e arrogante, nin sequera nos permite miralo aos ollos. Pouco a pouco, como se aquel rebelde raio de luz lle estivese a cantar unha nana, a rapaza quedou durmida sen saber que, na meniña da lúa, era ela o único que se reflectía.





Desculpa se a eterna distancia
de besbellos rompedora,
consegue borrar esta maxia
sen saber o que devora.

Desculpa se as vellas caricias
de recordos recordadas,
esvaecen pouco a pouco
esquecidas na xornada.

Perdoa se todo o que sinto,
perdido se perde no mapa.
Non son eu a que o consinto,
é a tola da eterna distancia.




Retrasaba todo o que podía o facer as maletas. 
Sería como admitir que a verdade xa era verdade. 
Non pensaba rendirme tan facilmente, viviría todos os momentos que aínda me quedaban como se nunca fóra a marchar.

Farta de que o tempo se me escape vando, de que os soños se esvaezan como as nubes, creando formas inalcanzables no ceo. 



Cansa de ver os quilometros que me quedan do camiño sen poder desfrutar en verdade da viaxe.



Esgotada de recoller un por un os anacos dun espello que non son capaz de reconstruir. 




Incapaz de vestir unha talla de espectativas demasiado grande para min.









Debía de ser a segunda vez que vía aquel texto, pero a miña memoria gardaba con exactitude aquelas palabras dende o primeiro día que as as lera. Non me podía enganar, botábao de menos, aínda que intentara evitalo para evitar tamén a dor. Os recordos persistían en ser recordados, estaban feitos para iso. No fondo non todo era tristeza, debía agradecerlle ao destino o poder gozar eses poucos anos con el. Penso que non merecía que mo arrebatasen de golpe, non fixera nada tan malo para tal castigo, pero todo pode ser peor, puiden non telo coñecido, o que sería unha perda aínda máis grande.


Non debemos aferrarnos  ao pasado, pero si debemos asumir que é unha parte de nós, do que somos e do que seremos. Non podemos desplazar todo o que implique tristeza ao caixón do esquecemento, senón que debemos enfrentarnos a eses momentos, miralo todo polo lado positivo e vencer os nosos pesares plantándolles un grande sorriso na nosa cara.






Espallou o vento as cinzas
do que foi lume acendido
Espallou as bágoas, os bicos, as risas.
Espallou todo o que se foi contigo.

Ausencia

Non sabes como doe a última ferida que me deixaches. Xa pasou tempo, si, pero as cicatrices seguen a sangrar cando os recordos volven á miña cabeza. Non foi culpa tua, polo que non te castigarei co peor dos castigos. Rexeitei o esquezo xa hai moitos anos...


E Deus ben sabe que agardaría á Eternidade no lume do inferno pola esperanza de escoitar unha vez, e tan só unha vez máis, o fermoso besbello da túa voz.

Soidade


             



Absurdo compañeiro de viaxe,
Que queres sacar de min?
Ti es o rei, eu só un paxe...
Maldito día en que te coñecín.

Nunca escampará esta chuvia
Nunca acadarei a fin
De sorrir e estar sorrindo
Sen estar pensando en ti.

Cando digo “Non te quero”
Non é que estea a mentir
Mais se non te quero preto
Por que sempre volvo a ti?
A vida é un puzzle...



...pero que pasa cando o puzzle se rompe e se perden as pezas?

Todos nos sentimos rotos algunha vez, perdidos entre unha multitude de xente que consideramos descoñecida.
Vagamos sen rumbo fixo, desorientados, agardando un golpe de sorte, unha chamada do destino que nos afaste da nosa apática rutina.
Algo que nos axude a comprender o significado da felicidade, o noso designio na vida:
Unha idea, un propósito, unha persoa...
A nosa peza dun puzzle incompleto.




Respirarei a esperanza do teu alento,
afastarei os pesares coa túa presenza,
sei cando estás preto que non hai doenza
que poida loitar contra o meu sentimento.

...


Imos queimar a distancia para arder no noso inferno,
restándolle ao tempo importancia faremos do breve  eterno.




Xogaremos co noso destino para crear a nosa sorte
e non haberá ser divino que nos separe agás a morte.





Debo de ter demasiadas preguntas,
moitas respostas pra ser atopadas,
e este constante tictac hipnotízame,
 el  non me deixa facer máis nada.

Quero atopar o camiño correcto,
Quero que vexan as miñas pegadas,
pero o constante tictac hipnotízame,
el  non me deixa facer máis nada.

Quero voar coa andoriña no ceo,
Quero cantar cos paxaros que cantan
pero o constante tictac hipnotízame
e el non me deixa facer máis nada.

Debo de ter demasiadas respostas,
Poucas preguntas pra ser contestadas,
Hei de romper co reloxo que berra
Pra ver se así o tempo por fin se nos para.



Sinto cando te quero a esperanza
de que o mundo será mellor.

Sinto cando te quero  a euforia
percorrendo o corpo e o corazón.

Sinto cando te quero a chuvia
que en cen mil bicos ós dous bicou.

Sinto cando te quero a morte
por non estar ti ao meu carón.

.




Preguntas polos meus silencios dourados , pola ausencia das miñas constantes palabras. Pois ben, perdinas todas ao intentar expresar este sentimento profundo, esta persistente sensación de camiñar entre nubes rosadas mentres me afasto do mundo e, ao mesmo tempo, achégome a el.
 Achégome a ti, a eses ollos color mel, a ese sorriso perfectamente imperfecto que fai que sorría... Respiro o teu alento para así respirar eu e penso, penso en como explicar a necesidade de verte, de terte, de atoparte, de tocarte... Aí, meu amor, remátanseme as palabras e, o único que me queda é falarche coa mirada pra dicirche:
"Quérote"


Ris, falas, choras, calas,
ficas quedo, lonxe de min.
Non entendes que o mar calma
cando eu me achego a ti?

Río, choro, falo, morro
porque nunca te esquecín,
e vén un e virá outro
pero nunca coñecín
mozo que me calme os mares,
mozo que me faga rir,
mozo que calando fale
mozo que ao achegarse a min
fuxan todos os meus males
como cando eu miro pra ti.
Perdoa se non atopas os sentimentos agochados entre as miñas palabras mediocres.
Desculpa se a miña dislexia te confunde, se non es quen de ver as tolas das miñas incoherencias coherentes para min.
Sinto que penses que calo cando digo que te quero a gritos.
Se algunha vez  te sentiches  só, se te perdeches pola miña soidade infinita, de verdade, mil perdóns.


Tan só pretendía rachar cadeas e romper cos tópicos, sabes que son así, antitópica, utópica…
Sabes que me encanta agocharme entre metáforas mentres me paro a pensar no que puido ser e non é.
Sabes que prefiro mil veces a calor das túas caricias nunha noite de frío que mil anos de vida sen ti.
Tamén sabes que te quero, que te quixen, que te quería e que te quererei.
Eu tamén sei que ti me queres, polo que a fin de contas… non nos entendemos tan mal, non cres?


A miña brúxula non marca o Norte,
pois fai  tempo que o perdín.
Non te achegues, non alonxes,
esquécete ben de min.

Que perdido á miña sorte
non hei de atopar outra fin
que non sexa a de dor e morte
Por perde-lo Norte,
por perderte a ti.






Os seus dedos camuflábanse entre as pingas de chuvia que caían do ceo e esvaraban pola miña cara. Mireino aos ollos e vin esa frase que tanto medo me daba pronunciar facía uns anos. A confianza era tan grande que nin nos facían falta as palabras para nos comunicar. Unha mirada, un sorriso, un parpadeo de ollos… todo significa algo e, para nós, ese algo era comprensible. Non vos imaxinades o difícil que é  enganar a alguén que che coñece tanto.
-          -Que che pasa?
-          -Nada.
-          -Como que nada?
-          -Estou cansa. Nada máis.
-         - Mentira
Si, mentira, e despois da mentira sempre a verdade.  A verdade que doe, que fire, que mata… que é indefensa cando estou ao seu lado.