Era de noite e non podía durmir. Na súa cabeza resoaba a última canción que escoitara, como un eco infinito resignado a apagarse. Un tenue raio de luz conseguira burlar a protección das cortinas que cubrían a xanela, favorecendo así as condicións daquel inesperado insomnio. Ergueuse de vagar, decidida a restaurar a escuridade, cando mirou ao ceo estrelado. Na meniña dos seus ollos tan só se avistaba a lúa, a inmensa e redonda lúa que conseguiu calar a todos e cada un dos seus pensamentos. Era fermosa, elegante e, aquela noite, presentaba un brillo especial. Non era a primeira vez que a vía, pero nunca se detera con aquela precisión.

Despois duns minutos voltou para a cama preguntándose porque a xente non dorme de día e vive de noite se o Sol, prepotente e arrogante, nin sequera nos permite miralo aos ollos. Pouco a pouco, como se aquel rebelde raio de luz lle estivese a cantar unha nana, a rapaza quedou durmida sen saber que, na meniña da lúa, era ela o único que se reflectía.

1 comentario: