Respirarei a esperanza do teu alento,
afastarei os pesares coa túa presenza,
sei cando estás preto que non hai doenza
que poida loitar contra o meu sentimento.

...


Imos queimar a distancia para arder no noso inferno,
restándolle ao tempo importancia faremos do breve  eterno.




Xogaremos co noso destino para crear a nosa sorte
e non haberá ser divino que nos separe agás a morte.





Debo de ter demasiadas preguntas,
moitas respostas pra ser atopadas,
e este constante tictac hipnotízame,
 el  non me deixa facer máis nada.

Quero atopar o camiño correcto,
Quero que vexan as miñas pegadas,
pero o constante tictac hipnotízame,
el  non me deixa facer máis nada.

Quero voar coa andoriña no ceo,
Quero cantar cos paxaros que cantan
pero o constante tictac hipnotízame
e el non me deixa facer máis nada.

Debo de ter demasiadas respostas,
Poucas preguntas pra ser contestadas,
Hei de romper co reloxo que berra
Pra ver se así o tempo por fin se nos para.



Sinto cando te quero a esperanza
de que o mundo será mellor.

Sinto cando te quero  a euforia
percorrendo o corpo e o corazón.

Sinto cando te quero a chuvia
que en cen mil bicos ós dous bicou.

Sinto cando te quero a morte
por non estar ti ao meu carón.

.




Preguntas polos meus silencios dourados , pola ausencia das miñas constantes palabras. Pois ben, perdinas todas ao intentar expresar este sentimento profundo, esta persistente sensación de camiñar entre nubes rosadas mentres me afasto do mundo e, ao mesmo tempo, achégome a el.
 Achégome a ti, a eses ollos color mel, a ese sorriso perfectamente imperfecto que fai que sorría... Respiro o teu alento para así respirar eu e penso, penso en como explicar a necesidade de verte, de terte, de atoparte, de tocarte... Aí, meu amor, remátanseme as palabras e, o único que me queda é falarche coa mirada pra dicirche:
"Quérote"