Levaba anos en busca de ese sentimento tan estraño, ese que a xente prefire afastar o máis lonxe posible. Nun tempo, fora ela mesma a que o botara da súa cabeza (ou do seu corazón, nunca saberei con exactitude en que parte de nós nacen os sentimentos). 
Bérraralle ben alto que se fora, que marchase, que nunca volvese por alí e con mágoa, pero sen bágoas, despedírase del cun falso sorriso.

Despois de certo tempo de felicidade e ledicia, despois da ausencia de días grises, despois da ausencia de mágoas e bágoas tristes, a rapaza comezou a sentir unha nova sensación, un baleiro inexplicable, unha especie de morriña de algo que non alcanzaba lembrar. 
Percorreu vales e montañas, cruzou ríos e mares, subiu ata as nubes e baixou ata o inferno; afastouse de todos os que coñecía e á súa vez coñeceu xente nova. Cando xa pensaba que buscara en todos os lugares do universo, sentou nunha rocha e comezou a reflexionar, a reflexionar sobre ela mesma. Quen era? Que facía? Por que estaba alí?  Fora culpa do destino?  Exitía en verdade un destino ou a vida era cuestión de azar? E que era a vida? 
Despois de mil preguntas sen resposta, despois de sentirse confusa e conmocionada, atopou nela mesma o que estaba buscando: a soidade.
Esa soidade que tanto botaba en falta. Por primeira vez en moito tempo soubo o que era o baleiro realmente, a ausencia de todo o demais. Non entendía como a xente podía facer as súas vidas como se nada pasase, como se esas preguntas non existisen. O sorriso desapareceu da súa cara e, de súpeto, inundouna a melancolía.

Unha vez descuberta a verdade, a preocupación polo que facer semellóuselle máis grande que o propio infinito. Que sería mellor, deixar de ser ela mesma calando ás preguntas que nunca terían respota ou abandonar practicamente a posibilidade da felicidade e despreocupación...?

OUTRA PREGUNTA SEN RESPOSTA.