Cae a tarde, cae a noite e caio eu.
Ti estás lonxe e o frío aumenta.
Como unha bágoa nunha tormenta
xúntome co que non é de teu.

Perdo forzas, perdo tempo, pérdome.
Perdinte a ti, gañou o xogo, perdinme eu.
Os dous quedos, insomnes agardamos,
pero acaso alguén de nós pensa volver?


Tirei as horas, tirei os soños, tirei os dados.
Saiume seis, volvín tirar, quixen volver.
Sei que debo de ter máis coidado pois
se cae a tarde e cae a noite, caio eu.

.




Tentarei non deixar declarións suicidas do meu amor desesperado, mais non prometo nada. Que ámbolos dous sabemos da necesidade miña de querer quererte e de querer contalo, ordenando as palabras para que poucas poidan dicir moito e moitas nada. E non te asustes se escoitas "infinito" pronunciado pola mesma voz do silencio, téstigo sonámbulo do noso amor, quen gardou gostoso tódalas nosas aventuras. Non penses que a memoria,  desleal compañeira, foi quen de arrasar os sentimentos que os dous forxamos con palabras e sorrisos. Lembro a sensación de integridade que os teus beizos provocaron ao rozar os meus como se de onte se tratase, e ti ben sabes que non foi onte. Como se nunha película estivese a acontecer, finas pingas de chuvia comezaron a caer do ceo xusto no momento da explosión. Sabes que me encanta a chuvia, sobre todo neses días de vran nos que a calor che permite permanecer debaixo dela e empaparte coa súa maxia. Empaparnos nas nosas propias ilusións, nas nosas miradas cómplices ....
Estamos xa en outono e as chuvias son abundantes, como son abundantes os recordos, as pantasmas dese primero bico, detonante dos momentos vividos ata agora e, aínda que en menor número, abundantes tamén as miñas declaracións suicidas do teu amor desesperado.

Íspense as túas palabras
rompendo o silencio ruidosas
coas súas pisadas fermosas
querendo ser escoitadas.

Crávanse no meu peito feroces
como as máis afiadas espadas,
que no meu corpo insertadas
berran con infindas voces.

Sóanme a eco perdido,
a inverno quente e a mar en calma.
Evocan momentos vividos,
o noso sempre que agora é nada.





Tenues caricias e bicos na boca. 
Paixón que se prende ao deixar de pensar.
Ardor que se achega cando ti me tocas.
Se este é o inferno prefiro pecar.



Levou o silencio
a miña alma desgarrada
pola zarpa do teu engano
queda agora desterrada.

Adeus días felices,
deles xa non queda nada,
tan só as moitas cicatrices
na miña alma desgarrada.

Baleira estou por dentro
xa non podo sentir nada.
O meu corazón non late,
apágase a miña mirada.

E querendo chorar, calo
pois xa non me quedan bágoas
Os meus ollos morreron
por non ver a túa mirada.

Paradoxo

Hai veces nas que escribo por diversión, por crear algo bonito...  outras porque o necesito. Porque necesito soltar toda esta "merda" que levo por dentro, e si, sei que non sona ben esa palabra pero en momentos como este xa todo me da igual (ou bueno, case  todo).
Necesito chorar e necesito sentirme ben chorando. Sentirme ben ao ver como as bágoas esvaran pola miña cara  e caen no caderno facendo que a tinta se corra e estragando así o meu texto. Porque agora non escribo para publicar. Escribo nun intento de atoparme a min mesma coa esperanza de que, esta vez, por fin o consiga. Escribo para atopar o motivo das bágoas anteriores e, en certo modo, tamén escribo para despois olvidalo. Escribo porque xa é noite, pero non podo durmir. Escribo porque unha parte de min sabe o porqué dos choros e o porqué do insomnio e escribo porque  a outra parte non o quere aceptar. Escribo porque estou confusa, porque non o entendo nin ten solución. Escribo porque non quero olvidar porque escribo aínda que as veces me contradiga e diga que si.

Escribo porque escribindo remato olvidando polo que escribo e simplemente pretendo de novo tentar de facer algo bonito para despois publicar.

Publico porque escribo. Por unha vella promesa. A mesma que me fai chorar, trasnoitar.... e a mesma que me fai escribir.

Perder...




O sabor da terra na miña boca era desagradable, mais o peor de todo era o vergonzoso feito de caer.
Que facía agora? Erguíame para caer de novo? Mellor quedar no chan, aceptar a derrota.
Estaba acabada. Sabíao como sei agora que despois do día sempre ven a noite. Para que serve loitar cando sabes que acabarás perdendo?

Recordos de antano regresaron á miña cabeza. Recordos do que era, do que son...

Erguinme decidida e cuspín con forza os restos de terra que aínda permanecían na miña boca. Mirei ao destino desafiante.

El riuse na miña cara....

Perdín, pero pagou a pena intentalo.





Un paréntesis

I


Intento imaginarme todo esto sin el...

No aguanto mas de un segundo con esa idea .
Comienzo a llorar.
DOLOR.
Un dolor fuerte que te quita la respiracion, que te mata por dentro, un dolor del que solo quieres escapar, pero no lo consigues...
No puedes hacer nada, no está en tus manos. Solo es cosa del destino, un bromista macabra del que me he hecho amiga con el paso del tiempo, aunque aun no soporte la idea de que no puedo ir por delante.
Nunca le puedes ganar.
Aunque a veces te deja elegir...
Este no es el caso.
Salga cara, salga cruz:
YO PIERDO


Comezou a chover, e pequenas pingas de
auga caían do ceo como as bágoas que
acababan de nacer nos meu ollos.
Bágoas que chegaban ás miñas meixelas,
meixelas onde ti deixaches os últimos bicos
de despedida; bágoas que caían polos
meus beizos, beizos que desexaban probar
os teus como antano o facían; bágoas que
saboreaban a miña lingua, lingua que hai
pouco estaba unida á túa, nun forte abrazo
que nunca parecía rematar.
Bágoas que quedaron por sempre no meu
corazón, corazón que aínda te segue querendo.

Contas? :S

E se non é o momento? E se non é o lugar?


Plantexo o problema pensando cal de todas pode ser a solución ás dúas variables. Despois de cen fórmulas, mil contas e algún que outro conto doume de conta de que x = aquí e y = agora. Intento atrapalos, mais non podo, pois é o aquí tan cambiante e o agora tan efémero...

Botando contas caio na conta de que pensei máis da conta e terei que axustar contas comigo mesma para ter conta de que isto non volva a pasar pola conta que me ten, tendo en conta o que non foi e puido ser por facer demasiadas contas.




Serei breve, pois cada palabra que che escribo dóeme como se a tinta desta pluma estivera feita por pingas do meu sangue, arrincadas cruelmente do meu corazón. Non é que non te queira, non. Simplemente odio cada día que pasa sen que ti esteas ao meu lado e que eu non poida facer nada para evitalo. Sería 
máis doado esquecerte definitivamente,pero nin sequera o intentei. Paréceme demasiado egoísta. Por iso decidín escribirche, aínda que supoño que esta carta rematará na papeleira, xunto as moitas outras que xa tirei antes de escribir esta. 
Bótote de menos. A vida non é a mesma se ti non estás, nin sequera é vida. 
Quero que volvas. Xa sei que non podes, e que probablemente con esta carta empeore as cousas, removendo con dor os fermosos recordos de antano agora que, probablemente, estaban case todos enterrados no olvido.Pero necesitaba deixar de actuar coma se nada pasase, coma se ti nunca existiras. Necesitaba dicirche que te quero e recordarche que nunca te esquecerei. 

Basicamente era isto o que quería que 
souberas, ou, se xa o sabes, simplemente recordarcho. 
SEMPRE TE QUEREREI 
SEMPRE...
Só son as súas sabas sabedoras
dos seus segredos,seica,sagrados,
e dos seus desexos nunca saciados
só son as súas sabas sabedoras.

Só son as súas sabas sabedoras
do sádico sabor dos seus beizos
e da doce salvación dos seus beixos
só son as súas sabas sabedoras.

Soño con ser silencioso secretario
dos seus sentimentos silenciosos
e dos solpores na selva dos seus soños
soño con ser silencioso secretario.

Se son ás súas sabas sedosas
séquito salvador que sentencia
a ser dos seus mares ribeira
amarei as súas sabas sedosas.

Sumerxeuse no café para agochar no seu interior tódalas mentiras e tódolos enganos dos que fora vítima nas últimas horas. Decidiu engadirlle o dobre de azúcar, xa estaba o día demasiado amargo... 
Necesitaba espertar, deixar atrás aquel soño inútil no que levaba vivindo os últimos anos.
 Non podía. Non quería. Alguén rompera cunha fina agulla a burbulla na que estaba acostumada a pasar o rato e agora caía. Caía e seguía caendo e prefería seguir caendo con tal de non chegar ao chan. 
Unha imaxe achegouse á súa cabeza. Era el. Nerviosa, bebeu rapidamente o café e con el tragou  tódalas as palabras que pensaba dicirlle. Estaban espesas...

Sinto sentir o que sinto por ti.
Sinto que non o sintas.
Ás veces, sinto existir.

Sofro por non querer que sofras.
Sofro por verte sufrir.
Ás veces, sofro existir.

Quero ser a que non te quere.
Quero ser a que é sin ti.
Ás veces, quero existir.

Noite de tormenta

Quería bailar co demo, mais non podía. Os seus pés non lle deixaban, eran demasiado torpes. Se tivese ás como os anxos, non precisaría dos pés para bailar. Un anxo bailando co demo!! O ceo e o inferno escachrían de risa coa escena....
Chegou a súa quenda e seguía a poder bailar soamente cos torpes dos seus pés. O demo e ela bailaron baixo a luz da lúa e a el gustoulle tanto que baiilaron por eternidades. Bailaron como baila a chuvia co vento nas noites de tormenta.
Trae o son do vento un tenue suspiro
e trae bicos e trae abrazos e
trae os momentos que vivín contigo.

Efémera e evanescente euforia,
conquistadora de corduras
que caen aos teus pés
cheas de loucura e tolería:
Quen poidera ter a ventura de caer no teu feitizo
evocando así a fantasía e o delirio
e condenando ao esquecemento aos grises pesares que adormecen a nosa vida.
Fénix dourado que voa libre e derrete con ferocidade
esa gran barreira de xeo que lle impide o paso á demencia e á diversión.
Destrúe con forza toda miña ideal perfección!
Xa nada importa, tan só a paixón de vivir o momento...




Levaba saia e rapatos de tacón.
Os beizos, vermellos, semellaban esas rosas coas que nos mancamos ignorando a presenza de espiñas.
E os ollos,
aqueles ollos que cantaban en silencio.
Cálidos,pero á vez distantes, observaban nostálxicos como a chuvia caía fóra, formando pozas no chan.
Non trouxera paraugas, deixárao na súa fría casa de pedra.
Ergueuse decidida, e o tic-tac dos seus zapatos resoou na sala como resoa o tic-tac dos reloxos cando estamos dormidos.
Agora era ela a que falaba, aínda que os demais non quixesen escoitar.
Saiu correndo á rúa e mollou os pés.
Berrou,
sorriu,
bailou...
era feliz e o único que lle importaba era poder seguir mollando os pés.

Os teus ollos cálidos:
Canción triste para non chorar.
Rachadura nos teus pantalóns rachados,
Escuma dourada do teu mar profundo,
Equinoccio dun verán inolvidable.

Os teus ollos calados:
Canción triste para nin chorar.


Gardo no peto lembranzas:
o teu sorriso de onte.
Gardo no peto palabras:
"quérote, preto ou lonxe."

Gardo a esperanza a que volvas:
volve agora, volve nunca, VOLVE...
Gardo a esperanza a que poidas.
Pode que non poidas nunca? PODE...

Gardo fotografías vellas:
o teu flash nos meus grises ollos.
Gardo o silencio agardando
e gardo nada e gardo todo.

PRELUDIO




PRELUDIO

Escoiten todos o Requiem
desta nova primavera
onde as nubes verdes choran
pola ida das primeiras.

Escoiten o laio do mar,
escoiten o laio das ondas
que cansas de engordar en terra
vomítanse unhas ás outras.

Escoiten ás persoas berrar
entre ataques epilépticos,
entre sangue, balas, fume...
Entre o ruído dos coitelos.

Escoiten o preliminar
de este novo manifesto.
Escoiten a guerra pola “paz”
Escoiten a guerra polo vento.

Escoiten todos o Requiem
mentres len o epitafio
desta nova primavera.

Mentras len o epitafio
da nosa irmandade enteira.





Perder o medo a perderte
foi o que me perdeu a min.
Perdín os sonos, a honra, o xuízo...
Perdín o rumbo ao perderte a ti.

Perdín moito tempo xogando
a un xogo que non puiden gañar.
Agora xa non se me perde nada
nesta estúpida vida de azar.

Perdinlle o respeto á morte
ao perder a cabeza por ti.
Perdín a paciencia, perdín o norte.
Perdino todo ao perderte a ti.



Roza o teu alento, tenue caricia,
contra os meus beizos sempre silenciosos
que ao sentir os teus, danzando armoniosos,
berran con beixos cheos de ledicia.

Achéganse máis, fartos de avaricia,
e logo de bicar os teus ansiosos,
Despídense de vagar, cadenciosos,
febles e cansos, donos da asfixia.






Non foi máis que a túa obsesión,
odisea amarga que me tortura,
ao ver o ocaso e mai-lo solpor
na ominosa mirada túa.

Foi a miña obstinada existencia
culpable de quedar engaiolada,
seducida polo falso feitizo
da túa ominosa mirada.

E obstinada no silencio
decidín ocluír as palabras:
“Xa non preciso do teu osíxeno”
“Xa non preciso da túa mirada”.