Só son as súas sabas sabedoras
dos seus segredos,seica,sagrados,
e dos seus desexos nunca saciados
só son as súas sabas sabedoras.

Só son as súas sabas sabedoras
do sádico sabor dos seus beizos
e da doce salvación dos seus beixos
só son as súas sabas sabedoras.

Soño con ser silencioso secretario
dos seus sentimentos silenciosos
e dos solpores na selva dos seus soños
soño con ser silencioso secretario.

Se son ás súas sabas sedosas
séquito salvador que sentencia
a ser dos seus mares ribeira
amarei as súas sabas sedosas.

Sumerxeuse no café para agochar no seu interior tódalas mentiras e tódolos enganos dos que fora vítima nas últimas horas. Decidiu engadirlle o dobre de azúcar, xa estaba o día demasiado amargo... 
Necesitaba espertar, deixar atrás aquel soño inútil no que levaba vivindo os últimos anos.
 Non podía. Non quería. Alguén rompera cunha fina agulla a burbulla na que estaba acostumada a pasar o rato e agora caía. Caía e seguía caendo e prefería seguir caendo con tal de non chegar ao chan. 
Unha imaxe achegouse á súa cabeza. Era el. Nerviosa, bebeu rapidamente o café e con el tragou  tódalas as palabras que pensaba dicirlle. Estaban espesas...

Sinto sentir o que sinto por ti.
Sinto que non o sintas.
Ás veces, sinto existir.

Sofro por non querer que sofras.
Sofro por verte sufrir.
Ás veces, sofro existir.

Quero ser a que non te quere.
Quero ser a que é sin ti.
Ás veces, quero existir.

Noite de tormenta

Quería bailar co demo, mais non podía. Os seus pés non lle deixaban, eran demasiado torpes. Se tivese ás como os anxos, non precisaría dos pés para bailar. Un anxo bailando co demo!! O ceo e o inferno escachrían de risa coa escena....
Chegou a súa quenda e seguía a poder bailar soamente cos torpes dos seus pés. O demo e ela bailaron baixo a luz da lúa e a el gustoulle tanto que baiilaron por eternidades. Bailaron como baila a chuvia co vento nas noites de tormenta.
Trae o son do vento un tenue suspiro
e trae bicos e trae abrazos e
trae os momentos que vivín contigo.

Efémera e evanescente euforia,
conquistadora de corduras
que caen aos teus pés
cheas de loucura e tolería:
Quen poidera ter a ventura de caer no teu feitizo
evocando así a fantasía e o delirio
e condenando ao esquecemento aos grises pesares que adormecen a nosa vida.
Fénix dourado que voa libre e derrete con ferocidade
esa gran barreira de xeo que lle impide o paso á demencia e á diversión.
Destrúe con forza toda miña ideal perfección!
Xa nada importa, tan só a paixón de vivir o momento...




Levaba saia e rapatos de tacón.
Os beizos, vermellos, semellaban esas rosas coas que nos mancamos ignorando a presenza de espiñas.
E os ollos,
aqueles ollos que cantaban en silencio.
Cálidos,pero á vez distantes, observaban nostálxicos como a chuvia caía fóra, formando pozas no chan.
Non trouxera paraugas, deixárao na súa fría casa de pedra.
Ergueuse decidida, e o tic-tac dos seus zapatos resoou na sala como resoa o tic-tac dos reloxos cando estamos dormidos.
Agora era ela a que falaba, aínda que os demais non quixesen escoitar.
Saiu correndo á rúa e mollou os pés.
Berrou,
sorriu,
bailou...
era feliz e o único que lle importaba era poder seguir mollando os pés.

Os teus ollos cálidos:
Canción triste para non chorar.
Rachadura nos teus pantalóns rachados,
Escuma dourada do teu mar profundo,
Equinoccio dun verán inolvidable.

Os teus ollos calados:
Canción triste para nin chorar.


Gardo no peto lembranzas:
o teu sorriso de onte.
Gardo no peto palabras:
"quérote, preto ou lonxe."

Gardo a esperanza a que volvas:
volve agora, volve nunca, VOLVE...
Gardo a esperanza a que poidas.
Pode que non poidas nunca? PODE...

Gardo fotografías vellas:
o teu flash nos meus grises ollos.
Gardo o silencio agardando
e gardo nada e gardo todo.

PRELUDIO




PRELUDIO

Escoiten todos o Requiem
desta nova primavera
onde as nubes verdes choran
pola ida das primeiras.

Escoiten o laio do mar,
escoiten o laio das ondas
que cansas de engordar en terra
vomítanse unhas ás outras.

Escoiten ás persoas berrar
entre ataques epilépticos,
entre sangue, balas, fume...
Entre o ruído dos coitelos.

Escoiten o preliminar
de este novo manifesto.
Escoiten a guerra pola “paz”
Escoiten a guerra polo vento.

Escoiten todos o Requiem
mentres len o epitafio
desta nova primavera.

Mentras len o epitafio
da nosa irmandade enteira.





Perder o medo a perderte
foi o que me perdeu a min.
Perdín os sonos, a honra, o xuízo...
Perdín o rumbo ao perderte a ti.

Perdín moito tempo xogando
a un xogo que non puiden gañar.
Agora xa non se me perde nada
nesta estúpida vida de azar.

Perdinlle o respeto á morte
ao perder a cabeza por ti.
Perdín a paciencia, perdín o norte.
Perdino todo ao perderte a ti.



Roza o teu alento, tenue caricia,
contra os meus beizos sempre silenciosos
que ao sentir os teus, danzando armoniosos,
berran con beixos cheos de ledicia.

Achéganse máis, fartos de avaricia,
e logo de bicar os teus ansiosos,
Despídense de vagar, cadenciosos,
febles e cansos, donos da asfixia.






Non foi máis que a túa obsesión,
odisea amarga que me tortura,
ao ver o ocaso e mai-lo solpor
na ominosa mirada túa.

Foi a miña obstinada existencia
culpable de quedar engaiolada,
seducida polo falso feitizo
da túa ominosa mirada.

E obstinada no silencio
decidín ocluír as palabras:
“Xa non preciso do teu osíxeno”
“Xa non preciso da túa mirada”.