Ris, falas, choras, calas,
ficas quedo, lonxe de min.
Non entendes que o mar calma
cando eu me achego a ti?

Río, choro, falo, morro
porque nunca te esquecín,
e vén un e virá outro
pero nunca coñecín
mozo que me calme os mares,
mozo que me faga rir,
mozo que calando fale
mozo que ao achegarse a min
fuxan todos os meus males
como cando eu miro pra ti.
Perdoa se non atopas os sentimentos agochados entre as miñas palabras mediocres.
Desculpa se a miña dislexia te confunde, se non es quen de ver as tolas das miñas incoherencias coherentes para min.
Sinto que penses que calo cando digo que te quero a gritos.
Se algunha vez  te sentiches  só, se te perdeches pola miña soidade infinita, de verdade, mil perdóns.


Tan só pretendía rachar cadeas e romper cos tópicos, sabes que son así, antitópica, utópica…
Sabes que me encanta agocharme entre metáforas mentres me paro a pensar no que puido ser e non é.
Sabes que prefiro mil veces a calor das túas caricias nunha noite de frío que mil anos de vida sen ti.
Tamén sabes que te quero, que te quixen, que te quería e que te quererei.
Eu tamén sei que ti me queres, polo que a fin de contas… non nos entendemos tan mal, non cres?