Escoito a triste melodía do silencio na que, agochada, atopo a túa voz perdida, os teus berros de esperanza cando esta está máis que perdida. Cústame crer que aínda segues aí, a pesar do tempo transcorrido, dos feitos e do destino que nos separa e, que á vez, consegue unirnos. A distancia non importa, é un concepto demasiado abstracto. Coma ti, coma min...
Todos somos abstraccións incomprensibles que se xuntan tratando de formar un único ser. Abstraccións infinitas e omnipresentes que nunca poderán desaparecer.
Era de noite e non podía durmir. Na súa cabeza resoaba a última canción que escoitara, como un eco infinito resignado a apagarse. Un tenue raio de luz conseguira burlar a protección das cortinas que cubrían a xanela, favorecendo así as condicións daquel inesperado insomnio. Ergueuse de vagar, decidida a restaurar a escuridade, cando mirou ao ceo estrelado. Na meniña dos seus ollos tan só se avistaba a lúa, a inmensa e redonda lúa que conseguiu calar a todos e cada un dos seus pensamentos. Era fermosa, elegante e, aquela noite, presentaba un brillo especial. Non era a primeira vez que a vía, pero nunca se detera con aquela precisión.
Despois duns minutos voltou para a cama preguntándose porque a xente non dorme de día e vive de noite se o Sol, prepotente e arrogante, nin sequera nos permite miralo aos ollos. Pouco a pouco, como se aquel rebelde raio de luz lle estivese a cantar unha nana, a rapaza quedou durmida sen saber que, na meniña da lúa, era ela o único que se reflectía.
Desculpa se a eterna distancia
de besbellos rompedora,
consegue borrar esta maxia
sen saber o que devora.
Desculpa se as vellas caricias
de recordos recordadas,
esvaecen pouco a pouco
esquecidas na xornada.
Perdoa se todo o que sinto,
perdido se perde no mapa.
Non son eu a que o consinto,
é a tola da eterna distancia.
Farta de que o tempo se me escape vando, de que os soños se esvaezan como as nubes, creando formas inalcanzables no ceo.
Incapaz de vestir unha talla de espectativas demasiado grande para min.
Debía de ser a segunda vez que vía aquel texto, pero a miña memoria gardaba con exactitude aquelas palabras dende o primeiro día que as as lera. Non me podía enganar, botábao de menos, aínda que intentara evitalo para evitar tamén a dor. Os recordos persistían en ser recordados, estaban feitos para iso. No fondo non todo era tristeza, debía agradecerlle ao destino o poder gozar eses poucos anos con el. Penso que non merecía que mo arrebatasen de golpe, non fixera nada tan malo para tal castigo, pero todo pode ser peor, puiden non telo coñecido, o que sería unha perda aínda máis grande.
Non debemos aferrarnos ao pasado, pero si debemos asumir que é unha parte de nós, do que somos e do que seremos. Non podemos desplazar todo o que implique tristeza ao caixón do esquecemento, senón que debemos enfrentarnos a eses momentos, miralo todo polo lado positivo e vencer os nosos pesares plantándolles un grande sorriso na nosa cara.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)









