Sinto cando te quero a esperanza
de que o mundo será mellor.

Sinto cando te quero  a euforia
percorrendo o corpo e o corazón.

Sinto cando te quero a chuvia
que en cen mil bicos ós dous bicou.

Sinto cando te quero a morte
por non estar ti ao meu carón.



Preguntas polos meus silencios dourados , pola ausencia das miñas constantes palabras. Pois ben, perdinas todas ao intentar expresar este sentimento profundo, esta persistente sensación de camiñar entre nubes rosadas mentres me afasto do mundo e, ao mesmo tempo, achégome a el.
 Achégome a ti, a eses ollos color mel, a ese sorriso perfectamente imperfecto que fai que sorría... Respiro o teu alento para así respirar eu e penso, penso en como explicar a necesidade de verte, de terte, de atoparte, de tocarte... Aí, meu amor, remátanseme as palabras e, o único que me queda é falarche coa mirada pra dicirche:
"Quérote"


Ris, falas, choras, calas,
ficas quedo, lonxe de min.
Non entendes que o mar calma
cando eu me achego a ti?

Río, choro, falo, morro
porque nunca te esquecín,
e vén un e virá outro
pero nunca coñecín
mozo que me calme os mares,
mozo que me faga rir,
mozo que calando fale
mozo que ao achegarse a min
fuxan todos os meus males
como cando eu miro pra ti.
Perdoa se non atopas os sentimentos agochados entre as miñas palabras mediocres.
Desculpa se a miña dislexia te confunde, se non es quen de ver as tolas das miñas incoherencias coherentes para min.
Sinto que penses que calo cando digo que te quero a gritos.
Se algunha vez  te sentiches  só, se te perdeches pola miña soidade infinita, de verdade, mil perdóns.


Tan só pretendía rachar cadeas e romper cos tópicos, sabes que son así, antitópica, utópica…
Sabes que me encanta agocharme entre metáforas mentres me paro a pensar no que puido ser e non é.
Sabes que prefiro mil veces a calor das túas caricias nunha noite de frío que mil anos de vida sen ti.
Tamén sabes que te quero, que te quixen, que te quería e que te quererei.
Eu tamén sei que ti me queres, polo que a fin de contas… non nos entendemos tan mal, non cres?


A miña brúxula non marca o Norte,
pois fai  tempo que o perdín.
Non te achegues, non alonxes,
esquécete ben de min.

Que perdido á miña sorte
non hei de atopar outra fin
que non sexa a de dor e morte
Por perde-lo Norte,
por perderte a ti.






Os seus dedos camuflábanse entre as pingas de chuvia que caían do ceo e esvaraban pola miña cara. Mireino aos ollos e vin esa frase que tanto medo me daba pronunciar facía uns anos. A confianza era tan grande que nin nos facían falta as palabras para nos comunicar. Unha mirada, un sorriso, un parpadeo de ollos… todo significa algo e, para nós, ese algo era comprensible. Non vos imaxinades o difícil que é  enganar a alguén que che coñece tanto.
-          -Que che pasa?
-          -Nada.
-          -Como que nada?
-          -Estou cansa. Nada máis.
-         - Mentira
Si, mentira, e despois da mentira sempre a verdade.  A verdade que doe, que fire, que mata… que é indefensa cando estou ao seu lado.






Cae a tarde, cae a noite e caio eu.
Ti estás lonxe e o frío aumenta.
Como unha bágoa nunha tormenta
xúntome co que non é de teu.

Perdo forzas, perdo tempo, pérdome.
Perdinte a ti, gañou o xogo, perdinme eu.
Os dous quedos, insomnes agardamos,
pero acaso alguén de nós pensa volver?


Tirei as horas, tirei os soños, tirei os dados.
Saiume seis, volvín tirar, quixen volver.
Sei que debo de ter máis coidado pois
se cae a tarde e cae a noite, caio eu.