Silencio.
Ausencia de palabras,
de soños,
de posibles e imposibles.
Ausencia de momentos fugaces
e emocións permanentes.
Ausencia de melodías brillantes,
do eco de recordos pasados.
Ausencia de remotos lugares,
dos teus bicos sonoros
e das miñas pesadas caricias.
Silencio.
Só quedan ausencias.
Non quedan palabras,
non queda xa nada da miña existencia.
Pasear
por eses corredores escuros
cheos
de sombras esnaquizadas.
Esa
sensación de baleiro,
de ter
todo e non ter nada,
tan só
un burato grande
que
conduce ata un camiño solitario
nunha
noite na que non hai estrelas.
Autoestrada
666...
Ou
quizais non,
Alí hai
odio, medo, dor...
(ou iso
é o que din)
Aquí
non hai nada.
(Ninguén
o sabe)
Pode
que si.
Pode
que conduza en dirección ao inferno,
en dirección
a unha soidade infinita
sen o
calor dos teus beizos,
dos teus abrazos.
Simplemente
con este sentimento estraño
que levo en min dende sempre
e que por sempre en min ha quedar.
Queda.
En silencio.
Como un
barco que navega á deriva.
Facía xa tempo que perdera o Norte, que
navegaba desorientada nun mar de mares infinito, sen tempo nin espazo que me
controlaran.
Non era capricho do azar nin castigo dun ser
divino inexistente, eu mesma rompera o mapa con seguridade. Era preciso navegar
a contracorrente para chegar ao meu destino e os ventos non son piadosos coa xente que os desafía.
Estaba cansa de feridas, de arranxar o barco cada dous minutos.
Agora simplemente me deixaría levar.
E aquí estou eu, con palabras inexistentes dende o día que decidiches deixar baleiro infinito que non son que de encher. Aquí estou, buscando o que non atopo, o que tanto quero ou que tanto creo querer. Xa non confío en nada, nada é seguro dende que o inverno chegou ao meu corpo cubríndoo de xeo e neve. Castelo inaccesible, princesa de cristal que escachará en mil anacos ante o simple son dunha verba que se repite unha e outra vez.Como sempre, a resposta volve ser "non".
Soños, esas cousas que perseguimos sen importar o que coste. Por que? Porque son o que somos, o que nos define. As nosas ganas de seguir adiante, de seguir vivindo día a día con unha esperanza, con un propósito. Soños que poden ser lugares, persoas ou simplemente palabras. Soños sen sentido, imposibles, incoherentes... Soños que se deixan de lado, que se esquecen ou abandonan. Soños que sobreviven, que flotan entre recordos sumerxidos e desalentos de xentes alleas. Soños meus, soños teus... Soños con nome e apelidos, soños con propia identidade.
Soños que, algún día, conseguirán ser realidade.
Serei, se me deixas, folla
do libro que aínda tes por abrir.
Serei os nomes, puntos, as comas,
as gañas que teñas de ir ou de vir.
Serei, se queres, bandeira
solemne e branca do teu país.
Serei a paz que ti buscas
e ás veces guerra, ás veces gris.
Serei mar das palabras perdidas
que ti sempre quixeches dicir.
Serei eu esta vez quen decida
e serei eu achegándome a ti.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)





