Espallou o vento as cinzas
do que foi lume acendido
Espallou as bágoas, os bicos, as risas.
Espallou todo o que se foi contigo.

Non sabes como doe a última ferida que me deixaches. Xa pasou tempo, si, pero as cicatrices seguen a sangrar cando os recordos volven á miña cabeza. Non foi culpa tua, polo que non te castigarei co peor dos castigos. Rexeitei o esquezo xa hai moitos anos...


E Deus ben sabe que agardaría á Eternidade no lume do inferno pola esperanza de escoitar unha vez, e tan só unha vez máis, o fermoso besbello da túa voz.

             



Absurdo compañeiro de viaxe,
Que queres sacar de min?
Ti es o rei, eu só un paxe...
Maldito día en que te coñecín.

Nunca escampará esta chuvia
Nunca acadarei a fin
De sorrir e estar sorrindo
Sen estar pensando en ti.

Cando digo “Non te quero”
Non é que estea a mentir
Mais se non te quero preto
Por que sempre volvo a ti?
A vida é un puzzle...



...pero que pasa cando o puzzle se rompe e se perden as pezas?

Todos nos sentimos rotos algunha vez, perdidos entre unha multitude de xente que consideramos descoñecida.
Vagamos sen rumbo fixo, desorientados, agardando un golpe de sorte, unha chamada do destino que nos afaste da nosa apática rutina.
Algo que nos axude a comprender o significado da felicidade, o noso designio na vida:
Unha idea, un propósito, unha persoa...
A nosa peza dun puzzle incompleto.




Respirarei a esperanza do teu alento,
afastarei os pesares coa túa presenza,
sei cando estás preto que non hai doenza
que poida loitar contra o meu sentimento.

Imos queimar a distancia para arder no noso inferno,
restándolle ao tempo importancia faremos do breve  eterno.




Xogaremos co noso destino para crear a nosa sorte
e non haberá ser divino que nos separe agás a morte.





Debo de ter demasiadas preguntas,
moitas respostas pra ser atopadas,
e este constante tictac hipnotízame,
 el  non me deixa facer máis nada.

Quero atopar o camiño correcto,
Quero que vexan as miñas pegadas,
pero o constante tictac hipnotízame,
el  non me deixa facer máis nada.

Quero voar coa andoriña no ceo,
Quero cantar cos paxaros que cantan
pero o constante tictac hipnotízame
e el non me deixa facer máis nada.

Debo de ter demasiadas respostas,
Poucas preguntas pra ser contestadas,
Hei de romper co reloxo que berra
Pra ver se así o tempo por fin se nos para.